Saturday 04 de May de 2024

A Xunta salienta a ampliación do Parque Residencial da Coruña coa venda dunha parcela para construir 90 vivendas protexidas no barrio de Xuxán


Ángeles Vázquez explica que todos os inmobles contarán con 2 baños, unha praza de garaxe e un rocho, e no que respecta á distribución interna, terán 2, 3 ou 4 dormitorios

A Xunta de Galicia salienta a ampliación do parque residencial da Coruña coa venda dunha parcela para construír 90 vivendas de protección autonómica (VPA) no barrio de Xuxán, co que avanza no compromiso de poñer á disposición dos veciños da cidade arredor de 1.100 vivendas protexidas.

Logo da sinatura da escritura de compra-venda da parcela, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, explicou que todas as vivendas contarán con 2 baños, unha praza de garaxe e un rocho, e no que respecta á distribución interna, haberá fogares con 2, 3 ou 4 dormitorios.

Deste xeito, construirá un edificio con 5 portais con 5 andares de vivendas; planta baixa destinada a locais comerciais; semisoto destinado a rochos, e dúas plantas de soto destinadas a prazas de garaxe. A promoción contará tamén con 66 prazas de garaxe non vinculadas e 2 cuartos de bicicletas.

Ángeles Vázquez puxo en valor que a cooperativa adxudicataria desta parcela tamén está a construír outras 90 vivendas noutro espazo deste barrio coruñés, co que xa ten en marcha ou en proxecto 180 VPA.

E, nesa liña, a conselleira lembrou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo convocou o pasado mes de novembro un concurso de venda de 5 parcelas de solo residencial no barrio de Xuxán, nas que se poderían edificar unhas 250 vivendas protexidas.

A maiores do solo residencial comercializado, cómpre salientar que o IGVS construíu ou ten en proxecto un total de 138 vivendas de promoción pública, das que 40 están rematadas e en proceso de adxudicación en alugueiro. Outras 40 xa teñen adxudicada a redacción do proxecto e as 58 restantes están na fase de licitación da redacción do proxecto de construción.